martes, 9 de febreiro de 2016

Preservación patriarcado e violencia de xénero.
Cando fai medio ano (ou pouco máis) unha alcaldesa se manifestaba en contra da violencia de xénero e apoiaba a nai que perdía a súas fillas, non existía ningunha razón para supór que era unha máis destas persoas desinformadas que ante un asasinato se manifesta e clama xustiza pero que, ante as accións machistas cotiás, amosa unha total permisividade.
Falo da defensa e xustificación do insulto e a falta de respecto como algo desvinculado da lacra da violencia. Falo da xustificación que desvía a atención do agresor e permite a este sentirse lexitimado a comportarse de xeito violento e atacar a unha muller desvalorizando a todas.
Entendo pouco como alguén pode xustificar un comportamento público ou privado que amosa a esencia pura do sistema patriarcal, as raíces do machismo e unha das súas manifestacións máis extendidas, a agresión verbal. O insulto e a desvalorización son ataques gratuitos cando unha autoridade lle ofrece acubillo. Tamén perpetúan actitudes en nós e amosan, á adolescencia e infancia, condutas aceptables socialmente pois o poder as defende e xustifica.
Algunhas veces só a capacidade para pensar antes de falar aporta unha posibilidade de dicir o correcto ou ter un comportamento axeitado a unha persoa pública. Ser exemplo a seguir é unha grande responsabilidade, quen non estea á altura mellor que se adique a outra cousa. Tamén pode aprender que sería máis educativo e enmendar erros.
O poder e a autoridade ten a obriga de protexer a cidadanía, fomentar valores, velando por que se cumpra a legalidade e esta inclúe a igualdade real.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Licencia Creative Commons

Licencia de Creative Commons
Educación con perspectiva de xénero is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional License.